Ensaio Xeral Vol. 04: Clavo
- Alexandre Balea Grela
- May 15
- 2 min read
O próximo martes 27 de maio ás 16:00 o Local de Música acolle unha nova sesión do ciclo Ensaio Xeral, e desta volta o protagonismo é para Clavo, unha das propostas punk máis crúas e directas do local.
Este proxecto, que xa pasou polo LP2 do Local de Música e polo Incode Fest, chega ao escenario do Ensaio Xeral para ofrecer un ensaio aberto ao público e vivir a experiencia dunha gravación en directo. A cita é, como sempre, gratuíta e aberta a toda a mocidade interesada en vivir a música desde dentro.

Clavo aposta por un punk sen filtros, con letras afiadas e unha posta en escena directa, que bebe de referencias clásicas como Eskorbuto ou Parálisis Permanente, sen esquecer sons máis actuais como os de Rata Negra.
O seu estilo encaixa á perfección coa filosofía do Ensaio Xeral: música auténtica e feita por xente nova con ganas de expresarse. Se che gusta o punk sen concesións, esta é unha oportunidade perfecta para ver como se constrúe unha banda dende dentro.
Unha experiencia formativa para as bandas novas
O ciclo Ensaio Xeral é unha iniciativa do Local de Música que busca dar visibilidade a bandas emerxentes de Pontevedra, ofrecéndolles a posibilidade de:
Gravar en directo o seu ensaio.
Ter contacto co público.
Aprender dos erros nun ambiente seguro e de apoio.
A maiores, serve tamén como punto de encontro para crear rede entre músicos e músicas da cidade.
Se ademais de vir ver o ensaio tes ganas de formar parte dun proxecto punk activo e comprometido, presta atención: Clavo está buscando unha terceira guitarrista. O Ensaio Xeral pode ser o lugar perfecto para coñecelas e, quen sabe, unirte á banda.
Recorda, o martes 27 de maio tes unha cita coa música en directo, coa creación local e coa escena punk de Pontevedra. Non hai escusas: ven, apoia e disfruta do Ensaio Xeral no Local de Música.
Comentarios