Pontevedra

Normas
REVISIÓN XANEIRO 2025
NORMAS DE ACCESO E USO DAS INTALACIÓNS MUNICIPAIS DO LOCAL DE MÚSICA DE PONTEVEDRA DEPENDENTE DO DEPARTAMENTO DE XUVENTUDE.
ART 1: OBXECTO
As presentes normas teñen como obxecto establecer as condicións de uso das persoas usuarias das instalacións e materiais do edificio municipal Local de Música, que ten as súas instalacións na Rúa Ramón Otero Pedraio, s/n en Pontevedra.
ART 2: HORARIO DE APERTURA
O centro permanecerá aberto ao público por norma xeral, de luns a venres de 16:00 a 22:00 horas e sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas.
ARTIGO 3. OBXECTIVO
O Local de Ensaio de Pontevedra é un espazo público concibido para que os músicos e grupos noveis do Concello de Pontevedra teñan un punto de encontro onde poder realizar actividades de ensaio, gravación, formación, etc, e interactuar con outros axentes tanto do eido musical como de outros ámbitos, de xeito que se converta nun punto de mira da creación musical en Pontevedra.
ARTIGO 4: TIPOLOXÍA DAS ACCIÓNS QUE SE PODERÁN ACOLLER NOS ESPAZOS.
O Local de Música acolle principalmente actividades e servizos relacionados coa creación musical, máis as súas actividades poderán estenderse a todo tipo de accións de carácter sociocultural que axuden a lograr os obxectivos institucionais das políticas municipais de xuventude: ensaio, gravación, formación, información, concertos, presentacións, etc.
ARTIGO 5. PERSOAS USUARIAS
O Local de Música, como centro sociocultural xuvenil municipal, terá carácter aberto para todas as persoas mozas do Concello de Pontevedra.
O obxectivo de limitar a idade é a de dispoñer, reservar e protexer espazos exclusivos para a mocidade.
Os requisitos xerais para acceder ao servizo de ensaio / ocupación de salas de ensaio son:
-
Mocidade de 16 a 30 anos,
-
Poderá ampliarse a bandas onde, existindo compoñentes maiores de 30, a media de idade nos supere os 35 anos. En calquera caso, as persoas que non cumpran o requisito non poderán superar o 50% da banda.
-
-
Que polo menos unha persoa do grupo estea empadroada no Concello de Pontevedra, ou cun xustificante de matrícula nun centro de estudos de Pontevedra ou cun permiso de residencia no Concello de Pontevedra. (Deberase acreditar esta condición no proceso de rexistro).
No caso de non dispoñer espazos de ensaio suficientes pola alta demanda darase prioridade de uso á mocidade usuaria cos seguintes criterios:
-
Mulleres ou bandas con compoñentes femininas.
-
Mocidade provinte de programas de apoio familiar, servizos sociais
Para outros usos, servizos e actividades, as condicións de acceso virán definidas polas propias condicións das actividades (concertos, formacións, comunidades de aprendizaxe, campamentos, convivencias, gravacións, etc), que quedarán redactadas específicamente.
O Local de Música resérvase o dereito de flexibilizar as condicións de acceso para dar cabida aos espazos de ensaio a aqueles proxectos artísticos que son de especial interese para o obxectivo da instalación.
-
Menores de idade
As persoas maiores de 16 anos poderán inscribirse sen autorización de pais, nais ou titores, xa que poden segundo a lexislación vixente en materia de Protección de Datos dar consentimento para o tratamento dos seus datos, e darán o seu consentimento expreso no momento do rexistro.
En calquera caso, as persoas menores de 16 anos, deberán presententaar un censentimento expreso de Pais/Nais/titores para poder acceder ás actividades e servizos do Local de Música.
No caso que as actividades veñan doutro servizo municipal ou doutro programa, será aquel o que teña a responsabilidade de xestión de datos, permisos, etc.
-
Persoas convidadas
As persoas usuarias/bandas poden convidar a persoas non rexistradas ao seu tempos de ensaio reservados, xa sexa para acompañar ou para facer probas, audicións, etc.
As bandas e solistas poderán organizar ensaios xerais con público, con autorización previa.
Só está permitida a entrada ás salas a persoas autorizadas previamente. No caso que algunha persoa externa ao grupo desexe acceder, deberá comunicarllo previamente ao responsable do Local de Música.
A persoa responsable do grupo farase cargo e velará polo cumprimento das normas de convivencia de calquera persoa externa, facéndose responsable das faltas ou desperfectos poida ocasionar, así como de calquera outro compoñente do grupo.
-
Outras entidades solicitantes do Local de Música.
Poderán solicitar as instalacións do Local de Música outras organizacións ou colectivos, sempre e cando non impidan o normal funcionamento da instalación:
-
Asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á mocidade con sede no Concello de Pontevedra.
-
Asociacións e entidades que teñan sede social no Concello Pontevedra, sempre que as persoas destinatarias das súas actividades sexan mozos ou mozas entre 14 e 35 anos.
-
Grupos de mozos e mozas coas seguintes características:
-
Os grupos estarán formados como mínimo por tres persoas e as accións obxecto de solicitude deberán repercutir no colectivo mozo.
-
Os grupos nomearán unha persoa maior de idade, que actuará como representante.
-
Persoas individuais sempre que as persoas destinatarias das súas actividades sexan mozos ou mozas entre 14 e 35 anos.
-
-
As solicitudes de uso das instalación por outro tipo de entidades ou para outros fins, deberán ser aprovados expresamente polo Departamento de Xuventude do Concello de Pontevedra.
ARTIGO 6: NORMAS XERAIS DE ACCESO
As persoas usuarias poderán facer uso das instalacións e servizos dentro dos horarios fixados e respectando as regras e condicións establecidas pola Concellería de Xuventude / Local de Música.
De ordinario, o acceso é libre e estará controlado por persoal autorizado para o acceso ás salas de ensaio.
A Concellería de Xuventude / Local de Música reservarase a posibilidade de modificar o horario, así como a posibilidade de pechar parcial ou totalmente as instalacións aos usuarios e público en xeral por causas xustificadas, organización doutras actividades ou de forza maior. Buscarase avisar coa suficiente antelación para evitar situacións incómodas.
Os espazos do centro poderán cederse a outros servizos e proxectos municipais sempre e cando non interfiran na dinámica do centro e na medida do posible sempre e cando contribúan a dinamización sociocultural da mocidade do Concello de Pontevedra.
ARTIGO 7: NORMAS XERAIS DE USO
O equipamento utilizarase exclusivamente para os obxectivos fixados neste documento.
Terán prioridade no uso todas aquelas actividades e programas que a Concellería de Xuventude realiza de xeito ordinario no marco do exercicio das súas competencias ou en colaboración con terceiros para a mellora e dinamización sociocultural da mocidade de Pontevedra.
As actividades e servizos do Local ou da Concellaría terán un carácter gratuíto, así mesmo, as actividades a realizar pola persoa ou grupo non poden ter ningún carácter lucrativo, quedando excluída a realización de calquera actividade con carácter comercial.
Poderá facerse un uso puntual e limitado no tempo das instalacións por outros colectivos distintos aos relacionados coa mocidade sempre e cando non interfiran coas actividades propias do equipamento e teñan unha xustificación de carácter social ou cultural a criterio da Concellería de Xuventude / Local de Música.
Para todas aquelas actividades que manteñan unha duración superior a 1 mes, deberán rexistrarse na web como usuarias / bandas.
ARTIGO 8: DEREITOS.
-
Recibir un trato digno e respectuoso por parte do persoal do equipamento.
-
Participar nas actividades do centro, utilizar as instalacións (incluídos os exteriores) e o material existente en condicións de igualdade.
-
Ter a súa disposición información relativa ao centro tales como horarios, calendarios de actividades, normas de uso e instrucións dos equipos.
-
Contar co apoio e asesoramento do persoal do centro á hora de poñer en marcha iniciativas musicais, creativas ou artísticas.
-
Dispoñer de privacidade no tempo de ensaio e non ser molestadas sen unha causa xustificada.
-
Dispoñer dun sistema de recollida de suxestións ou queixas.
ARTIGO 9: DEBERES.
-
Atender as indicacións dadas polo persoal do centro en canto á utilización das instalacións, materiais e desenvolvemento das actividades.
-
Manter un trato respectuoso cara ao resto dos usuarios e cara o persoal do centro.
-
Achegar os datos persoais e institucionais que se soliciten así como aqueles outros necesarios para o desenvolvemento das actividades.
-
Respectar as normas establecidas así como a lexislación vixente relacionada co uso dun equipamento público.
ARTIGO 10: PROHIBICIÓNS.
-
Realización de eventos con ánimo de lucro.
-
Realizar actos que dificulten, obstaculicen, ou impidan o desenvolvementos de actividades, supoñan un dano material das instalacións ou afecten á hixiene xeral.
-
Realizar actos que perturben, molesten ou poñan en perigo a outros usuarios.
-
Manipular ou cambiar de salas elementos e equipos do centro salvo previa autorización ou indicación.
-
Comer e beber salvo nos espazos habilitados ou no desenvolvemento de actividades nos que se autorice.
-
Colocar carteis, folletos ou publicidade de diverso tipo sen a autorización do persoal, quedando prohibida toda publicidade que incite ao consumo de alcohol, tabaco ou calquera outra sustancia ilegal ou con contidos sexistas, xenófobos ou calquera outro que atente contra os dereitos fundamentais das persoas.
-
Consumir na instalación ou no seu recinto tabaco, alcohol ou substancias ilegais.
-
Tomar fotografías ou secuencias videográficas doutros usuarios sen o seu consentimento expreso.
ARTIGO 11: RESPONSABILIDADES E OBRIGAS
-
A apertura e peche das instalacións recaerá sobre persoal do Local de Música.
-
O Local de Música dispón dun seguro de Responsabilidade Civil ante situacións de danos a terceiros. En ningún caso, este seguro cubre danos aos equipos propios ou instrumentos musicais das persoas usuarias.
-
Os solicitantes asumirán a responsabilidade plena e directa polos danos e perdas que se produzan nas instalacións durante a súa utilización, así como os ocasionados nas dependencias do local que saian do normal uso e desgaste propio do uso compartido. Considerarase responsable directo do uso realizado ao titular da autorización - administrador/a do grupo / reserva. A persoa usuaria ou grupo deberá repoñer ou reparar os equipos, infraestruturas, instalacións, ou elementos mobles ou inmobles no caso de deterioro por mal uso dos mesmos e fora do normal desgaste dos mesmos. De non ser o caso perderá o dereito de uso e acceso ao equipamento, reservándose o Concello o dereito a recorrer a vía xudicial.
-
O Concello de Pontevedra poderá acceder ás cámaras de vixilancia en circuíto cerrado para aclarar as circunstancias sobre os danos producidos ao material ou instalación.
-
No caso de que a cesión do espazo leve algún gasto imprescindible para a realización da actividade, este será asumido integramente pola banda usuaria / entidade peticionaria.
-
O Local de Música non responderá dos obxectos persoais que se extravíen ou deterioren neste espazo municipal. Aqueles materiais persoais que aparezan nas salas gardaranse ate a súa reclamación pola persoa propietaria nus espazo destinado para iso.
-
As persoas / bandas solicitantes non poderán ceder o espazo concedido a outra entidade ou grupo / usuaria. O tempo da reserva concedido non da dereito sobre ese tempo.
-
No caso de que o usa da instalación conleve algún tipo de montaxe, esta deberá facerse seguindo as indicacións do persoal do centro, respectando os prazos marcados para a montaxe e desmontaxe. En calquera caso, nos tempos de ensaio, deberán quedar as salas disponibles a tempo para os ensaios dos seguintes grupos ou do normal horario de peche da instalación.
-
A utilización do espazo farase no horario establecido e durante o prazo de duración fixado, debendo deixar o local en perfectas condicións físicas, de orde e de utilización.
-
As persoas usuarias asumen a responsabilidade de comunicarlle ao persoal, todas aquelas deficiencias que considere de interese respecto do estado da sala, limpeza, materiais, etc. Estes avisos deberán facerse inmediatamente despois do uso da instalación avisando directamente ao persoal.
-
As persoas/bandas usuarias non poderán exceder a capacidade autorizada de asistentes de cada sala:
-
Aforo total: 75 persoas
-
Sala estar: 30
-
Sala 1: 15
-
Sala 2: 15
-
Sala estudio: 15
-
As persoas usuarias asistirán ás xuntanzas de coordinación e de seguimento que se convoquen dende o Departamento de Xuventude / Local de Música, así como ás diferentes accións formativas que con carácter obrigatorio se programen.
-
Facilitar ao Local de Música toda aquela información sobre o grupo, traballo realizado e calquera outro dato de interese. Esta información poderá ser utilizada na difusión deste equipamento municipal.
ARTIGO 12: ALTA NO SERVIZO
As persoas que desexen facer uso do Local de Música ou das súas actividades realizarán a solicitude de inscripción na web https://www.localdemusica.gal.
No momento da alta darase autorización expresa ao tratamento de datos, e ás autorizacións pertinentes de uso de imaxe para a difusión e comunicación da actividade segundo a lexislación vixente.
Para o sistema de reservas habilitarase un subdominio específico https://www.reservas.localdemusica.gal.
ARTIGO 13: ADMINISTRAR UNHA BANDA OU SOLISTA:
Cada banda/grupo/solista terá que ser creado por unha persoa administradora. Primeiro deberá configurar os seus datos como usuaria con permisos de administradora no sistema.
Para administrar unha banda ou solista cómpre facer a inscrición web, cumprir os requisitos (idade e padrón):
-
Cubrir todos os datos de inscripción na web.
-
Datos do volante de empadroamento en Pontevedra, ou no seu defecto, permiso de estudante ou de residencia.
-
DNI.
-
Ao inicio da actividade cotexaranse os datos presencialmente coa persoa responsable do Local para verificar a súa autenticidade. De non selo, a persoa / banda non poderá acceder ao servizo.
Administrar unha banda da permisos para:
-
Engadir membros ao grupo.
-
Solicitar horario permanente.
-
Solicitar horario puntual.
-
Acceder aos servizos e actividades do Local.
-
Crear novas bandas.
As persoas que non cumplan os requisitos de idade e padrón / centro de estudios non poderán obter o perfil de administradoras de bandas.
ARTIGO 14: SER USUARIA REXISTRADA DO LOCAL.
A web localdemusica.gal permitirá que calquera persoa nova poida rexistrarse e acceder a un espazo privado onde poderá participar en foros, acceder a información online, etc.
Para acceder ao servizo de ensaio en calidade de "usuaria" para o uso da instalación deberá cubrir os datos especificamente en https://www.reservas.localdemusica.gal.
-
Cubrir todos os datos de inscripción na web.
-
Ser usuaria da permisos para:
-
Ser parte dunha banda
-
Acceder aos servizos e actividades do Local.
É o persoal do Local o que incorpora persoas rexistradas no sistema ás bandas/solistas existentes previamente.
ARTIGO 15: ADMISIÓN.
Unha vez feita a inscrición, o Local de Música comunicará á persoa interesada a súa admisión unha vez que sexa tramitada e validada.
O Local resérvase o dereito de limitar a admisión en función de criterios tales como, entre outros, o padrón, a idade e, sobre todo, a comisión de faltas disciplinarias con anterioridade.
A dirección do Local valorará a idoneidade das propostas e solicitudes de uso, requirindo aquela información que considere oportuna, podendo rexeitalas ou derivalas a outro equipamento ou departamento municipal.
Todas as persoas usuarias do servizo de ensaio deberán facer as visitas explicativa e formativas coa responsable da instalación antes de comezar a ensaiar, para coñecer as normas básicas e o uso do equipamento.
ARTIGO 16: TIPOLOXÍA DE RESERVAS
Por norma xeral, as persoas usuarias poderán solicitar dúas tipoloxías de reservas das salas de ensaio:
-
Reservas periódicas: Con cada alta de grupo/solista, créase unha reserva dunha franxa horaria de 2 horas semanais no horario de apertura. Esta reserva manterase de forma indefinida ate que o grupo comunique o seu cambio ou xestione a súa baixa. Ou no caso de faltas, que se eliminará do calendario polo propio Local de Música.
-
Reservas puntuais. As persoas usuarias/bandas poderán ampliar horas de ensaio facendo reservas puntuais sobre as horas que estean libres no calendario, cunha antelación mínima de 24 horas e cun límite futuro dunha semana.
As reservas farase co compromiso por parte da persoa solicitante de acatar as normas que aparecen recollidas neste documento.
As reservas de uso concederanse respectando a orde de solicitude das mesmas.
A reserva do uso das instalacións quedará supeditada a actos organizados ou autorizados pola Concellería de Xuventude ou a dirección do Local de Música, non dando lugar a reclamacións cando haxa que suspenderse ou variarse no horario de reserva anteriormente autorizados.
ARTIGO 17: CAMBIOS DE HORARIOS E ANULACIÓN DE ENSAIOS.
No caso de non acudir ao ensaio pola razón que sexa, deberá informarse ao Local de Música con antelación suficiente. As faltas xustificadas-avisadas non computarán como faltas penalizadoras (faltas xustificadas).
No caso de non comunicar a falta con antelación suficiente (2 horas) marcarase como unha falta de asistencia sen xustificar. A acumulación de faltas sen xustificar poderá levar á baixa do servizo.
Para anular as reservas poderá facerse directamente na ferramenta online da web, mediante teléfono ao Local de Música no seu horario de apertura ou mensaxería / email.
As persoas/bandas poderán modificar as súas reservas periódicas comunicándollo ao persoal do Local para poder adecualas ás súas circunstancias e poder manter o compromiso de uso das instalacións.
ARTIGO 18: PERDA DO DEREITO DE USO DAS SALAS DE ENSAIO
As persoas usuarias do servizo de ensaio poderán perder o seu dereito ao uso en base ás condicións de acceso ou á acumulación de faltas:
-
Os grupos que perdan a cualificación ou non cumpran os requisitos de acceso (idade, padrón) disporán dun prazo de 30 días desde o aviso do Local de Música para corrixir esta situación ou deixar de usar o servizo.
-
Acumulación de faltas de asistencia será un motivo para perder o dereito ao ensaio. Previo aviso, borrarase ao grupo dos calendarios e perderá as súas horas de reserva periódicas.
ARTIGO 19: PERDA DO DEREITO AO ENSAIO POR FALTAS DE ASISTENCIA.
As bandas ou solistas perderán o seu dereito de acceso ao servizo de ensaio se:
-
acumulan máis de 4 faltas consecutivas ou
-
6 faltas non consecutivas nos últimos 3 meses
Serán baixa no calendario de reservas de forma automática, perdendo a súa reserva periódica e tendo que volver a iniciar o proceso de reserva periódica de novo para voltar a ensaiar. O Local de Música comprobará previamente a situación da banda mediante contacto coa persoa responsable.
Esta suspensión afectará ao grupo no seu conxunto, nunca á usuaria particular que puidera estar ensaiando noutros grupos.
ARTIGO 20: BAIXA NO SERVIZO.
As persoas que desexen darse de baixa do Local de Música deberá facer o proceso web no seu perfil de usuario/a ou falar directamente co persoal de Local de Música.